Thursday 25 de April de 2024

O salón de plenos acolleu esta tarde o acto central do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas


O Concello acolleu esta tarde, ás 16.00 horas, o acto central do programa do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, que se conmemora cada 14 de xuño. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a cita programada no salón de plenos, acompañada da edil de Benestar Social, Catalina García, e da presidenta da Asociación de Xordos Ferrolterra, Teresa Gallo. Así mesmo, xunto con representantes dos grupos municipais de TEGA, PSOE, PP e BNG, estiveron no salón plenario integrantes da directiva da AXF e outros membros da entidade.

Ferreiro asegurou que é un pracer para o Consistorio poder sumarse hoxe ao acto e felicitou á AXF polo seu labor coas persoas xordas. “A participación plena do colectivo na sociedade é fundamental e dende o Concello continuaremos traballando para que así sexa”, asegurou Ferreiro. A alcaldesa deu paso a un vídeo conmemorativo desta data, no que ademais dela participaron varios representantes da corporación local da cidade, entre outras persoas. Así mesmo, recordou que esta noite se iluminará de cor turquesa a rotonda de Freixeiro, sumándose así á reivindicación dos dereitos do colectivo de persoas xordas.

“Libres para elixir, libres para signar” é o lema deste ano, ao que se fixo referencia dende a entidade, sendo a presidenta da AXF a persoa encargada de ler o manifestó do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas. No manifesto reivindicou os dereitos das persoas xordas, facendo especial fincapé nas nenas e nenos.

Ao remate do acto realizaron unha fotografía de grupo para, a continuación, dirixirse á praza da Gándara, para realizar unha serie de actividades abertas á cidadanía e amosar parte do traballo que realiza a AXF.